Tuesday 07 de May de 2024

Feijóo reforza a aposta pola investigación e anuncia a contratación de doutores e novos investimentos no Campus Industrial de Ferrol e nos centros tecnolóxicos da Universidade da Coruña


As universidades non terán que desembolsar nada para contratar 15 doutores do programa Juan de la Cierva

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta seguirá apostando pola investigación a través de tres medidas aprobadas no Consello da Xunta. Trátase dunha achega para contratar 15 doutores a través do programa Juan de la Cierva, dun investimento no Campus Industrial de Ferrol e de actuacións de mellora en cinco centros e unidades de transferencia de tecnoloxía da Universidade da Coruña.

Respecto á contratación de doutores do programa Juan de la Cierva, que financia o Ministerio de Economía e Competitividade nun 90%, a Xunta vai cubrir o 10% restante. Deste xeito, tal e como subliñou o presidente, as universidades galegas non deberán desembolsar nada para contratar estes 15 profesionais altamente cualificados.

No Campus Industrial de Ferrol investiranse 1,4 millóns de euros en actuacións concretas como a creación da oficina do Campus, a elaboración de estudos para o seu posicionamento internacional, actuacións de mellora das infraestruturas e optimización enerxética nos distintos edificios, dotación de equipamento tecnolóxico nas distintas Escolas e Facultades e iniciativas para reforzar a relación entre a Universidade e o sector industrial da comarca, prioritariamente o naval e o téxtil. “Este é un paso máis na estratexia de especialización dos campus: cada universidade ten por fin un campus especializado”, celebrou Feijóo.

Por último, destinaranse 1,8 millóns de euros a mellorar o Centro de investigación tecnolóxica de edificación e enxeñaría civil (Citeec), o Centro de investigacións científicas avanzadas (Cica), o Edificio de servizos centrais de investigación-Servizos de apoio á investigación (Esci-Sai) e o Centro de investigación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Citic), todos eles dependentes da Universidade da Coruña.